Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Cerdido celebra este domingo 6 de novembro, un día de festa para todas as idades con motivo do Samaín


• Terá lugar no Pavillón polideportivo da Barqueira a partir das 17 horas e haberá castañas de balde para todos os asistentes.

• A actividade principal é o espectáculo infantil “Cantabaila” e ademais celebrarase un Concurso de Cabazas para nenos e nenas de ata 12 anos

 

O Concello de Cerdido celebrará este domingo, 6 de novembro, un día para “pasalo de medo” por Samaín. A festa terá lugar no Pavillón polideportivo municipal da Barqueira, a partir das 17 horas.

A actividade principal é o espectáculo “Cantabaila”, unha animación con base musical dirixida a todos os públicos, moi divertida e dinámica. A continuación celebrarase o xa tradicional Concurso de Cabazas, no que poden participar nenos e nenas de ata 12 anos de idade. Os mozos e mozas poden presentar os seus traballos desde o comezo da xornada, e coñeceranse os premiados ao remate da festa. Ademais, haberá castañas de balde para todos os asistentes.

O alcalde de Cerdido, Benigno Galego, destaca que “trátase dunha xornada para gozar en familia, con actividades para todos os públicos como o espectáculo e o Concurso de Cabazas” e anima “a todos e todas, veciñanza e visitantes, a achegarse ata o Pavillón da Barqueira o próximo 6 de novembro cun disfrace para pasar un día de medo”.